Tuesday 07 de May de 2024

O local social do Alto acollerá este sábado o “Torneo de Nadal de xadrez”


O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá o evento xunto con Juan Manuel Caneiro, Luisa García e David Roca, presidente, vicepresidenta e vogal respectivamente do Círculo Xadrez Narón, o “Torneo de Nadal de xadrez” que se celebrará este sábado no local social do Alto. Santalla indicou que aínda permanece aberto o prazo de inscrición, podendo facelo –de balde- ata este mesmo venres, día 22, ás 12:00 horas, a través do correo: torneocxn@gmail.com, ou do Facebook do club: https://www.facebook.com/ajedrez.naron, onde tamén están publicadas as bases da convocatoria.
Os representantes do club local indicaron que se trata dun evento dirixido a persoas de todas as idades, que non teñen que estar federadas nin pertencer a clubs de xadrez. Así mesmo, indicaron que “dende o club organizamos este torneo no marco do noso compromiso coa promoción do xadres, en colaboración co Concello de Narón”. O torneo ten sete categorías: sub-8, sub-10, sub-12, sub-14, absoluta, mellor xogador local e mellor xogadora feminina do torneo. En cada unha delas, tal e como indicaron dende a organización, entregaranse trofeos aos primeiros clasificados e medallas a todos os participantes.
O torneo comezará ás 10:30 horas e xogaranse un total de nove partidas de dez minutos de reflexión por xogador/a e dous segundos de incremento por xogada en intervalos de media hora cun descanso para comer ás 14:00. Pola tarde retomarase ás 16:00 horas e a previsión é entregar os premios ás 17:30 horas. A participación está limitada a un máximo de 80 persoas, tal e como indicaron dende o Círculo de Xadrez Narón.
O concelleiro de Deportes valorou o feito de que o club retome, despois de varios anos, este torneo, e animou á veciñanza a inscribirse no mesmo.